Relatos

A quietude da túa pausa

Na voz de Díaz Castro, ferírame para sempre. Na de Lois, ela poñía o pé entre a derradeira porta e o destino. Podería citar máis exemplos de intertextualidade, mais todos virían a dicir o mesmo: amábaa. Gustabamos de querernos mentres se quentaba a comida a iso das dúas da tarde. Os domingos mudabamos a rutina para non ferirnos, por se acaso, e ao longo dunha intensa mañá debuxabamos no aire lazos entretecidos. As treboadas nacían pola noite, no abrigo dunhas sabas que nunca foron tan quentes como daquela, cando desprendían o seu aroma, tan embriagador coma ela. Nas miñas mans o seu corpo, e sobre el a miña ollada: os dous revivíamos, eu devorábaa. Antes daqueles encontros leitosos, dedicábame a pensar a mellor maneira de chegar á súa esencia para beber da fonte ata quedar rendido, extasiado. Gustaba de gozala docemente, de interpretar os seus movementos impulsivos, de escoitar o que me murmuraba cada noite…

Para min, esa relación, que vivín cunha intensidade sen igual, a única que conseguín manter durante un tempo considerable, rozaba a perfección. Eu afastábaa intencionadamente, xa que consideraba que era mellor gozala aos poucos. Dese xeito, ela non figuraría en ningunha das miñas rutinas, dos meus tedios. A súa compañía sempre se presentaría coma algo fóra do corrente. A súa exoticidade, a súa pureza, intacta, teríanme completamente cativo.

Mais cada vez esixíame máis tempo, como se me reprochase que non a amaba o suficiente, e a partir dese momento todo se fixo, continuamente, ás présas, con repeticións. Volveuse intraducible, interpretable, carente de contido: non lle daba atopado significado ningún. Cando me dei conta de que a súa corrente intempestiva me levara demasiado lonxe, que me afastara demasiado da orela onde residían os meus principios románticos, conxelei aquel mar e sobre el desfixen o percorrido. Deixeina atrás: abandoneina. Tiña que agardar que todo se calmase baixo aquela superficie inmóbil, debía volverse transixente… Porque a poesía non se pode amar sen pausas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s