Poesía

Xogos surrealistas

Xogos surrealistas – La mémoire

Aquí fico,
condenada a non contemplar nunca a liberdade que se atopa detrás de min.
Fáltanme forzas para abrir os ollos,
aínda que, ben pensado, prefiro contemplar a miña propia escuridade
que a túa faciana horripilante.
Expulso recordos en forma de sangue
que unha folla verde recolle de cando en vez
e insire nunha esfera dun branco impoluto.

A túa mirada escruta o reloxo.
Agardas cada mil douscentos segundos
Mil dous centos tic-tac que eu apenas ouzo
E logo érgueste desa vella cadeira,
colles a bóla,
ábrela e bebes de min,
do meu pasado,
do meu deleite.

E entón estoura no que queda de min unha risa malévola.
Non ves que o telón que se atopa detrás de min?
Non te das de conta de que tan só es un personaxe
e eu un elemento decorativo desta obra?
Non percibes que isto non é real?
Por que bebes do meu sangue, se nin sequera existe?

Xogos surrealistas – Bruxelles, ma belle

Ter a continua sensación
de vivir noutra década e noutro tipo de cidade
entre sombreiros de bombín
e conversacións en La Fleur en Papier Doré.

Observar como a nitidez das casas bruxelenses corta as nubes,
as danzas invisibles dos elegantes abrigos das damas na rúa,
o sabor do café, nunca máis delicado;
a vida entre citas filosóficas e arte non burguesa.

Agora, o único que nos devolve a un tempo perfecto
é a canción que Jacques Brel lle dedicou a esta cidade,
ou achegarse ata Brouckère e deconstruír o presente
e soñar coa ilusión dun futuro pasado.

Georgette?
Georgette!
Onde ficou a túa elegancia?
Por que fuxiches?
Este mundo necesita da túa sofisticación tímida,
do teu apoio incondicional,
do teu sorriso sincero;
recuperar os xogos
as ilusións fantasmagóricas,
as máscaras protectoras,
a quintaesencia do amor.
Bruxelas, 2013

Xogos surrealistas – Poema patrocinado por Simon von Stampfer

Descoñezo por que respiro dentro desta pinga de leite,
mais a sensación reconforta.

O líquido corroe a miña roupa
e penetra no meu corpo firme.

Os meus peitos, erguidos, recíbeno en plena éxtase
e os meus beizos acaríciano tenramente
nun proceso de divinización mortal.

Un flash ilumina toda a escena.
O meu momento humanízase
e queda gravado eternamente nunha fotografía estroboscópica.

Ben pensado,
os teus ollos, nados noutro tempo
poderían cravarse na miña figura leitosa
nalgún momento dalgún século futuro.

(Os anos pasan…)

Xa morta e máis que esquecida,
o meu sorriso segue intacto
contemplando a posibilidade de que me ames
só con percatarte dos elementos que algunha vez irradiou a miña figura etérea.

Xogos surrealistas – Un ser doutro mundo

Arrepiada polo ser maquiavélico que se quere apoderar de min,
percorro a partitura de L’autre voix, de André Souris
e, cando está a piques de entrar no meu corpo,
agóchome detrás dunha das notas.
Non é quen de comprobar se estou detrás delas.
A beleza atérrao e pode rematar con el.

Os paxaros ás veces axúdanme na miña obriga de espantalo,
e outras, un gato que pretende ser coma o de Cheshire
aparece e miáñalle o máis forte que pode.
Noutras ocasións tamén me deixan soa
nunha folla onde non atopo a porta por ningures.
Cando chego á última nota
atópome de novo no comezo da canción,
e así o ciclo comeza unha e outra vez.

Se algunha vez baixo a garda
sucumberei á súa vontade,
e non quero ser presa de ninguén.

Namentres corro…
Corto o pelo
Tíngoo
Aclároo
Arráncoo
Mórdoo
Quéimoo

(…)

Agardando que se dea de conta de que nunca son a de antes.

Xogos surrealistas – O imperio da luz (?)

Se alguén se decatase da miña presenza
sentada baixo este sofisticado farol
tería a impresión de que son pura.
Mais tan só sería un espellismo,
xa que a luz dignifica ata o ser máis escuro.

SILENCIO
(preocupación)

Boto polos ollos auga e máis auga.
Diante de min fórmase un apetecible lago salgado
onde Dalí metería a lingua e alí quedaría toda a vida;
volveríase tolo e renunciaría para sempre ao doce sabor do chocolate Lanvin.
Os sentimentos rompen o meu corpo.
O meu peito implosiona.
A angustia afógame.

Os meus ollos esquecen para sempre o que se atopa enriba
un fermoso ceo azul que reconforta á Humanidade,
esa comunidade á que eu xa non pertenzo.

Agonizo sentada na parte inferior dun cuadro de Magritte

e só ti podes borrarme.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s