Microrrelatos · Relatos

A eterna bailarina

Vaivéns, voltas e reviravoltas, homes con chapeu que pousan delicadamente as mans na sensual zona onde rematan as costas femininas…. Montmarte é un barrio danzarín. Hoxe, o ritmo da danza popular no Moulin da Galette é máis acelerado ca nunca, coma se os pés dos seus bailaríns anhelasen mergullarse nunha cadencia infinita. Todos semellan estar invadidos por unha ledicia contaxiosa. Porén, ninguén se dá de conta do que realmente acontece dentro da escena. No baile hai nenas, pero as nenas non queren bailar. Non lles convence a idea de que os brazos dos homes limiten os seus movementos. Elas desexan romper o círculo da praza e danzar en liberdade. Soñan con despoxarse dos corsés que as súas nais lles apertan todos os días.

Xiana interpretou dese xeito o cadro Baile no Moulin da Galette desde que o contemplou por vez primeira. Esa noite, a aldea quedara sen luz cando ela se dispuña a ler (ultimamente pasaba as noites entre libros…). Achegouse á fiestra e ollou un panorama sumido na escuridade. Meteuse na cama e sentiu que a noite insería aquela casa entre as súas mans, disposta a esmagala. O medo a que el entrase pola porta en calquera momento acentuouse. Tremía. Necesitaba pensar nalgo que, no medio daquela negrura, lle achegase luz. Pensou en Renoir, nas súas pinceladas luminosas, e somerxeuse no seu prezado cadro. Porén, desta volta atopou a praza baleira ata que, de súpeto, ela mesma saíu dunha esquina e comezou a danzar en círculo. O espazo, antes cercado, volveuse infinito. Mentres o soño se facía máis profundo e mentres na súa face se esbozaba paulatinamente un sorriso ben grande, un verme entraba pola porta. Xiana estaba a piques de perpetuarse como a eterna nena libre; a bailarina que conquistaría, sen corsé, un espazo sen fronteiras.

renoir-le-moulin-de-la-galette

Relato gañador do IV Certame de Relato Curto organizado pola FANPA de Pontevedra

Advertisements

2 thoughts on “A eterna bailarina

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s