Relatos

A nudez da illa

tumblr_mtk6ggYGcM1rdfgw4o1_400

Cando a ollada da pequena se pousou sobre a illa por vez primeira, os seus ollos convertéronse en perfectos círculos e unha expresión na que se misturaban ledicia e incredulidade instalouse na súa face. Aos dez minutos aproximadamente, o barco atracou no porto e a nena meteuse ás présas no interior da embarcación. Por mor do apuro e do chan esvaradío, estivo a piques de escorregar non unha, senón tres veces.

―Mamá, mamá! Veña, érguete, que xa chegamos! ―ordenoulle a rapariga á nai.

―Tranquila, Rosalía, que baixar imos baixar, xa sexa máis cedo ou máis tarde.

―Pero se ti es a única que está sentada! Xa están todos listos! Veña, bule!

―Está ben, está ben ―dixo a muller con resignación.

A pequena Rosalía, ao ver que a fila para saír do barco non paraba de medrar, colleu a man da súa proxenitora, tirou dela con forza, botou a correr e freou en seco moi preto da última persoa da ringleira. Nai e filla aínda tiveron que agardar uns dez minutos para aterrar no peirao. Cando os seus catro pés se pousaron nel, as dúas ficaron abraiadas ante o encanto que emanaba daquel impactante conxunto.

―Pero mamá, as illas non son verdes? ―inquiriu a pequecha.

―Son, filla, son, mais no outono tínguense de amarelo e marrón, como podes comprobar. É a única estación na que as illas mudan de cor.

Rosalía fitou a súa nai, asentiu e logo volveu contemplar, marabillada, a porción de terra que se erguía diante dela.

―Que, Rosalía, como foi a viaxe? Preparada para converterte nunha auténtica estrela de cine? ―inquiriu Lino. As preguntas obrigaron a Rosalía e á súa nai a saír do estado de contemplación no que estaban mergulladas. Lino era o director da película que se estaba a rodar naquela illa. O equipo de produción do filme fixera un concurso no cole da pequena, e o neno que o gañase obtería o premio de participar na rodaxe dunha película. Rosalía proclamouse vencedora e axiña se converteu na envexa de todos os seus compañeiros. Aquela nena pequena, regordecha, de gafas de pasta circulares, co pelo peiteado cara atrás e recollido nunha cola de cabalo, respondeu:

―Moi divertido! Aínda que ben nos poderiades dar algo de comer, que teño unha fame…

―Rosalía! Pecha esa boca decontado ―ordenoulle a nai, que perdeu os nervios ao escoitar a resposta da rapariga. Xa máis tranquila, a muller peiteou coas mans o seu pelo perfectamente liso e tirou da parte inferior do seu xersei de pescozo alto negro para estiralo.

―Non se preocupe, señora: a súa filla ten razón. E ti tampouco, pequena, que agora, mentres ultimamos os preparativos da rodaxe da túa escena, che damos algo de comer. E tamén á túa nai, que seguro que ha de ter fame ―cando o director afirmou esta última frase, mirou á proxenitora de Rosalía e chiscoulle un ollo. A muller ruborizouse―. Veña, imos aló. Seguídeme: mostrareivos o escenario que empregaremos como plató.

Rosalía, a quen lle custaba respirar, encorsetada como estaba nun groso abrigo vermello, comezou a andar non sen dificultades pensando no significado de «ultimar os preparativos». No fondo tanto lle tiña, acababan de dicirlle que lle ían dar de comer, e iso agora ás súas tripas, que ruxían coma bestas salvaxes, era o único que lle importaba.

Nai e filla seguiron a Lino por un estreito camiño de area delimitado por matogueiras. Poucos pasos despois, un membro do equipo de produción que acababa de saír do barco chamou polo director para esclarecer unhas últimas cuestións relativas ao filme. Lino destrenzou o seu camiño para falar con el, e a nai de Rosalía, que aínda que nunca o admitía, era moi curiosa, non puido evitar centrar a súa atención visual naqueles homes.

Rosalía aproveitou aquela paréntese no camiño para contemplar a natureza daquela paraxe. De súpeto, observou que un curioso animaliño saía de entre os matos. A pequena deduciu que aquel ser era un ourizo grazas a unha fotografía do libro da materia de Coñecemento do Medio. Quedou hipnotizada co andar pousado daquel mamífero e comezou a seguilo. Tiña curiosidade por saber como se comportaba no seu hábitat e tamén cara onde se dirixía. O animal aumentou paulatinamente o ritmo do seu camiñar. Rosalía, inconscientemente, acabou correndo e atravesando a illa ata rematar no faro, situado no cume. A pequena tiña que ir apartando as moreas de follas que cubrían todo o chan para que o animal puidese camiñar sen problemas, e tamén algún que outro ourizo na súa outra acepción, é dicir, algunha que outra casca de castaña, que, agochada entre as follas, representaba un perigo potencial para o mamífero.

Cando ambos chegaron á torre, o ourizo introduciuse nela a través dun pequeno buraco situado a rentes do chan. A nena, que herdara a curiosidade da súa nai, non detivo a súa investigación e buscou a porta do faro que resultou non estar fechada con chave. Procurou o ourizo por todas as partes daquel interior, mais alí dentro non parecía estar. A rapaza trasladou a procura ata o balcón, onde tampouco atopou o animal.

Porén, aquela posición privilexiada permitiulle contemplar a illa desde o máis alto. O panorama que ante ela se estendía marabillouna. Nos seus ollos reflectíanse as cores amarela e marrón terrestres e o azul celeste dun mar límpido, todos eles suavizados e adozados por unha luz solar envolvente. De súpeto, sentiu un pequeno tremor, como se algo se estivese a accionar no interior da illa. Cos ollos moi abertos, Rosalía observou a caída de todas as follas das árbores. Acababa de contemplar a chegada oficial dun outono que espira repentinamente a illa. A estación sacara á luz o esqueleto daquel terreo. Rosalía puido aspirar entón a pureza daquela terra illada, a súa esencia, e desde o alto sentiu o lazo que se tecía entre ambas. A nudez sempre implica verdade, e a través da verdade emerxen as conexións.

Pouco despois, a terra calmou. Instalouse o silencio e a luz solar minorou. Foi entón cando a rapariga se deu de conta da súa distracción. Nese preciso momento, o ourizo fixo acto de presencia no balcón, cruzou a súa mirada coa da nena, deu a volta e poucos segundos despois apareceu polo buraquiño. Comezou a camiñar. Rosalía sabía que tiña que seguilo para regresar. Os dous volveron cruzar a illa, mais desta volta en sentido contrario e cun ritmo moito máis pausado. Ao chegar a certo punto, o ourizo desviouse do camiño principal. O atallo conduciunos ao lugar exacto onde se atopaban algúns membros do equipo do filme e mais a nai de Rosalía, que estaba sentada na cadeira do director, cun abanico nunha man e un vaso de auga na outra. Ao ver a Rosalía, exclamou:

―Filla! Que susto! Pero onde andabas metida!? Estante a buscar por toda a illa!

A nena buscou o ourizo ao seu redor, mais parecía que este se volvera evaporar.

―Gozando do outono na illa, mamá. É fermosísimo!

―Estámosche ben! Pero ti non estabas a morrer de fame?

Rosalía ergueu a cabeza e reparou en que as pólas das árbores se atopaban ben abrigadas polas súas follas. Escoitou un leve ruído entre as matogueiras. Baixou a vista e observou entre elas a cabeciña do ourizo. A mirada do animal semellaba reflectir complicidade. Axiña desapareceu.

―Pois é certo. Que hai de comer? E cando me toca gravar a min?

Texto finalista do II Concurso de Relatos O Outono nas Illas, organizado polo Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s