Poesía

O suicidio da camelia

Desde esta fiestra contemplei noutrora

o suicidio da camelia.

Pregunteille á nosa nai

por que non enviaba os ollos

no seu auxilio.

Non obtiven resposta.

Nin sequera puiden falar.

Esquecín que a todos

nos cortaran a lingua.

*

Chegamos ao deserto

para aprender do ermo.

Aquí as mulleres teñen fiestras

nos peitos para expulsar

a verticalidade das edras.

Do ceo colgan bailarinas mortas

e nós aínda non atopamos refuxio,

pero esta terra é un oasis contra

as alturas que expulsan morte.

Aprendemos o significado da vida

a través das eternas canles da suspensión

e desembocamos neste páramo

para volvernos area

a xogar co aire.

*

A vertixe é a velocidade

do que non se ve nin se coñece

ou aquilo que sentimos

cando a ledicia nos afoga.

Hai escaleiras que xiran sobre si mesmas

co fin de acubillarse durante o camiño.

Deberiamos colocalas tamén do revés

―coas dedas na circunferencia da Terra

e o nariz a rozar a seca

e construír unha canle que nos

aproxime a liberdade das alturas

para repoboar un chan que só nos ofrece

malas herbas e cadáveres.

Mentres tanto, nesta beira, o mar entréganos

emocións ás que non lles podemos berrar

porque nos chegan sen nome.

*

Xa non existe verdor nos lindes.

O sangue comeza a incrustarse

nas fendas da vía mentres eu

nomeo todos os corpos que

fixeron verdade o camiño.

Vós xa só sodes en relación

ás miñas costas. As vosas figuras

vanse esvaecendo e eu proclámome

restauradora das vosas identidades.

Penso en acoller entre as mans

a delicada composición das pezas

que nunca fostes e en volvervos

paisaxe do que eu tampouco son.

Porén, non existe nada orixinal

baixo esta néboa que me ameaza

co meu propio nome e eu non podo

confundir a miña pel coa

da única deusa.

Mentres tanto, esta senda comeza

a se esquecer de si mesma.

(…)

U-lo eterno espazo para min?

*

Se a morte escoitase o seu nome

todas as veces que o murmuro

rexeitaría a miña carne

mesmo cando chegue

a podremia.

Hai monstros aos que desexamos

enfrontarnos para descubrir a fondura

da súa ollada e para coñecer a postura

que adoptamos fronte ao medo.

A tensión xorde do perigo.

O perigo é un charco que nunca

podemos pisar, pero a auga prohibida

pode caer sobre nós mentres

a rodeamos pulcramente.

Se somos nós quen define os monstros

e quen prohibe a auga, onde situaremos

o equilibrio entre o veleno e o pan?

*

cp_rn_24_fenetre

E despois de todo, da camelia,

tan só un cadavre (…)

 

Poemas pertencentes a «O suicidio da camelia», segundo premio do XVII Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s